NOTÍCIAS

01/07/2017
Caballeros de Santiago e a difusión da cultura galega na Bahia

No libro segundo de Sempre en Galiza Castelao falou da emigración,  sentíndose el tamén emigrante e apuntando que a procura doutras realidades ía máis alá da necesidade, da pobreza. Segundo un andaluz lle dixo no porto de Vigo, os españois botan raíces na terra, coma se fosen árbores, pero os galegos contan con raíces elásticas, de tanta elasticidade que nos deixan dar mil voltas ao redor do mundo. Será por iso que, como se di popularmente, hai un galego na lúa, que en cada recanto do planeta é fácil atopar un galego facendo patria. Iso acontece no Rio Vermelho, nun lugar onde con cada celebración do Día das Letras Galegas, do Día de Galicia, con cada evento que teña que ver coa lingua e a cultura galegas conseguen facer patria fóra da casa. É así como Caballeros de Santiago afonda na morriña, colle forzas desas saudades da terra galega para mostrarse orgullosos do seu. Son os galegos emigrados, os fillos e os netos destes os que, como dicía Castelao, “deixan unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados” (1944).

A masiva emigración galega a América dos séculos XIX e XX deixou a súa pegada na literatura galega a través de nomes como Emilio Pita ou, de novo, o grande Castelao; tamén no mundo audiovisual con directores como Chano Piñeiro pero o que hoxe nos interesa é o traballo dunha asociación de galegos como é Caballeros de Santiago por manter a cultura a tantos miles de quilómetros da terra de orixe. Porque en cada celebración o orgullo galego esténdese e contáxiase a aqueles que acoden aos eventos e non son galegos. A eses galegos emigrados éncheselles o peito ao ver os seus netos co traxe tradicional bailando muiñeiras. Esa é a dinámica de Caballeros de Santiago: a de transmitir o orgullo de ser galego, a de pensar, como diría a cantante Sés, “e que importa, meu ben, que morramos, se deixamos semente de vencer”.

(Por  Elena Veiga Rilo. Celga UFBa)