NOTÍCIAS

31/07/2017
A cultura galega máis alá das fronteiras

Cando pensamos na cultura galega fóra de Galicia pensamos naquilo que é máis tradicional, no pouso, naquelas manifestacións artísticas que lembramos en mans dos nosos bisavós, dos nosos avós, dos nosos pais; pensamos, en definitiva, en cultura galega en galego e en Galicia. Porén, é posible que o son da gaita viaxe, que estando en Salvador a muiñeira de Chantada consiga teletransportarnos a miles de quilómetros da casa e que o recendo do polbo con cachelos inunde o Rio Vermelho, o Campo Grande ou a Praça da Sé.

O pobo galego como emigrante que é, e que foi, soubo alongar as raíces da súa terra, estiralas en viaxes transoceánicas e facer que existisen romarías galegas con sabor suramericano, que as lendas galegas sobrevivisen á calor tropical, facendo que o conxuro da queimada fose precedido polo axé e seguido pola samba de roda; instaurándose unha sorte de “terceiro espazo” do que falaba Homi Bhabha: un espazo onde prevaleza o do ut des latino, o intercambio cultural na diáspora necesario para a adaptación e a lembranza.

Carlos Núñez decidiu investigar a vida do seu avó falecido no Rio de Janeiro e conseguiu crear un documental no que a distancia entre a cultura galega e a brasileira diminuía de maneira proporcional ao aumento dos quilómetros físicos na viaxe que as separa. Titulouno “Brasil, somos nós”. Porque o Brasil somos nós, como Galicia tamén é dos brasileiros que se aproximan á nosa cultura e daqueles descendentes de galegos que a senten como súa.

É por todo isto que asociacións culturais como Caballeros de Santiago son tan valiosas nese contexto de diáspora do que falabamos, porque levar connosco as manifestacións artísticas galegas estando fóra da terra produce un proceso de dignificación cultural dende a distancia; porque falar o galego e sentir Galicia dende a Baía é un exercicio necesario de preservación do noso.